O PROXECTO

3º premio do plan proxecta 2018

Ficha do proxecto

 

Titulo do proxecto:

Dende o patio escolar ao barrio. Estudo e actuación sobre o barrio do río Gafos en Pontevedra.

 

Xustificación do proxecto

 

Este proxecto nace como consecuencia dunha nova convocatoria do Plan Proxecta, pero tamén do coñecemento da organización da I Bienal Internacional de educación en arquitectura para a infancia e a mocidade, o que aquí se vén a artellar no espazo Ludantia, que terá como escenario a cidade de Pontevedra.

 

Despois de ter participado en anteriores edicións do Proxecto Terra e tendo na oferta de materias para 2º da ESO  “Paisaxe e Sustentabilidade”, cremos que o IES do Sánchez Cantón está na obriga de dar continuidade a esta faceta educativa sobre o territorio e aproveitar a cobertura do Plan Proxecta, de Ludantia ou de calquera outra estrutura semellante para actuar co alumnado no espazo máis próximo e aprender facendo.

 

As posibilidades de aprendizaxe para o alumando ao abordar o estudo do barrio onde se ubica o noso centro educativo son enormes. O río Gafos, achegándose a súa desembocadura, é un elemento natural que atravesa o barrio, creando, no medio dun tecido urbano de morfoloxía moi variada, un recuncho de reencontro coa natureza. Porén, este río foi maltratado e esquecido, como se fora un estorbo, no desenvolvemento do barrio de Campolongo. No treito que nos ocupa e que pasa ao carón do IES Sánchez Cantón convértese no hábitat de diferentes aves (ocas, gansos, patos, gaivotas, garzas,...). Este treito foi obxecto dalgunha actuación de mellora da marxes, pero aínda así non acaba de converterse no elemento central da paisaxe urbana, quizáis pola morfoloxía tan variada dos edificios e inmobles que cercan este río acompañados da presenza dominante do automóbil nas vías que conforman o seu perímetro.

 

A construción de inmobles de maior volume e ocupación que os existentes no tecido urbano anterior, deu lugar a unha sucesión de medianeiras insulsas que chegan incluso a invadir o propio leito natural do río e empobrecen sen dúbida a imaxe do barrio. A utilización das beiras do río como lugar de aparcamento e mesmo a falta dunha acción rehabilitadora dos edificios máis antigos contribúen a xerar unha sensación de barrio periférico e, mesmo, un tanto marxinal.

 

 

 

O propio recinto do centro educativo, delimitado polos seus tristes muros de formigón, insensible á topografía natural orixinal, dá as costas ao río e semella unha mole pouco integrada na contorna.

 

Os verquidos que de cando en vez padece este río, a vista pouco disimulada dos canos de pluviais e a ocasional presenza de lixo, viste a este curso natural de colector de todas as nosas inmundicias. Unha análise das súas augas en varios puntos do seu treito final podería ser un bo traballo de investigación científica. A presenza de fauna e vexetación tamén pode dar xogo a un profesor de Ciencias da Natureza e un catálogo de melloras estéticas tamén pode implicar a un profesor de Educación Plástica. Finalmente, a evolución da morfoloxía do barrio, a implicación dos seus veciños e asociacións (Vaipolorío), pode ser contido de traballo para un profesor de Xeografía e Historia.

 

Esperemos que estes materiais sexan de utilidade, servan de reflexión e  actúen de rexistro do que foi o barrio co fin de educar ás xeracións futuras no respecto polo patrimonio e evitar novas desfeitas. 

 

AUTORÍA

Humberto Martínez Gargamala. Profesor de Xeografía e Historia

Carmen Pernas Lorenzo. Profesora de Educación Plástica e Visual

Jaime Rodríguez Abilleira. Profesor de Debuxo Técnico

Germán Santos Galiñanes.  Profesor de Bioloxía e Xeoloxía

 Mª Rosario Sánchez- Gabriel Sánchez. Páxina web 

 

CONTACTO  e COORDINACIÓN

 HUMBERTO MARTÍNEZ GARGAMALA

Profesor de Xeografía e Historia. IES Sánchez Cantón

humart64@gmail.es

 

 

Convidámoste a visitar tamén Paisaxe dende a Fracha  outra unidade didáctica do mesmo coordinador sobre Paisaxe e Sustentabilidade