Como xa terás comprobado o barrio actual non ten nada que ver co antigo nin na súa morfoloxía nin tampouco no uso que se lle dá aos espazos.
Antano o uso residencial do barrio, morada da poboación mariñeira, viña acompañado dos usos que se relacionaban co mundo do mar, mesmo as humildes casas estaban pensadas para albergar as redes e os instrumentos de pesca.
Se pousamos a mirada no río vemos de xeito tráxico o cambio de consideración da poboación respecto a este curso de auga. De ser un lugar importante para os veciños, escenario de encontro das mulleres que se achegaban para lavar a roupa nos lavadoiros do Gafos ou de ser un lugar a onde se viña a moer o gran, pasa na actualidade a ser un elemento case ignorado ao que se lle dá as costas ao punto de convertelo nun vertedoiro.
Sabemos que os elementos patrimoniais presentes no barrio son tales porque durante moito tempo tiveron un fondo significado para a poboación. Hoxe perderon a súa función, pero os consideramos pezas fundamentais á hora de configurar unha identidade. Non podemos prescindir das nosas raíces.
No caso do barrio da Moureira esas raíces están relacionadas co mundo da pesca e a salgadura. Imos estudar como era ese mundo.
A pesca da sardiña era a clave da economía da zona. O alto contido en graxa, que se traducía nun alto valor enerxético, e o seu prezo económico fixo que a sardiña fora un alimento moi demandado polas clases populares e fora obxecto de salgadura. Segundo o historiador pontevedrés, Juan Juega Puig, os cercos de Pontevedra pescaban a sardiña de outono porque era a mellor para a salgadura.
As costas galegas recibían a visita dos cardumes de sardiña e isto permitiu o desenvolvemento da pesquería de baixura no interior das rías. Esa riqueza comezou a reducirse a partir do s.XVI quizáis debido aos efectos da denominada Pequena Idade Glaciar que comezou no s. XIV e chegou ata mediados do s. XIX. Esa perda de riqueza leva aos mariñeiros galegos a aventurarse na pesca de altura en busca do bacallao
Pescuda nesta ligazón de Consumer Eroski algo máis sobre a sardiña
Agora imos ver nesta ligazón de Consumer Eroski cales son os valores nutritivos da sardiña
Por que é recomendable o consumo deste tipo de peixes? Cando é a súa mellor época de pesca?
A salgadura era unha técnica de conservación do peixe que permitía salvar o desfase que había entre o momento óptimo da especie (verán e outono) e a Coresma, unha época do ano na que a súa pesca estaba en veda, pero que dados os preceptos da igrexa obrigaba a apartar da dieta a carne e consumir peixe.
A salgadura implicaba contar con sal. Para isto foi preciso explotar as salinas
Pias de salgadura do Museo Massó en Bueu. Faro de Vigo. 15-12-2013
Vista da salina do rio Ulló.Fonte: Sixpac
As artes de pesca tradicionais anteriores ao s.XVIII para a pesca da sardiña son os xeitos (arte de enmalle) e as sacadas (arte de cerco)
Para aprender un pouco máis entra nesta ligazón do Faro de Vigo
Esquema gráfico procedente do blog salylaurel.es
As xávegas (arte de arrastre) son introducidas polos fomentadores cataláns no s. XVIII e a dan lugar a conflitos coas confrarías, como é o caso da de Pontevedra, por entender que estas redes son moi agresivas e ademais transforman a relación do traballo da mar co seu produto, entendido dunha forma máis capitalista.
“Ata mediados do s.XVIII a sardiña salgábase ou escochábase en pequena adegas, onde as mesmas familias dos mariñeiros a descabezaban e limpaban unha a unha para logo engadirlles o sal en pequenas pías.
O método catalán, que aparece a partir do s. XVIII, botaba a sardiña enteira sobre uns armazóns de táboas, onde dous homes con dúas pas de madeira a revolven en sal e así revolta e salgada bótase nas pías. Ás vinte catro horas fórmase a salmoira en que está a sardiña curtíndose dez ou quince días. Ocupábanse as mulleres de envarillala e entregala así aos estibadores que as colocan en forma de círculos concéntricos dentro das barricas colocadas xa na prensa. A prensadura permitía tirar un produto máis duradeiro e vender a graxa. Os propietarios dos novos almacéns onde se salgaba polo procedemento catalán, tamén chamados fomentadores, eran na súa maioría cataláns”.
(transcrición do texto dun dos paneis do Museo do Mar de Vigo).
As embarcacións que saían a pola sardiña eran os galeóns ou trincados (cerco) e as xeiteiras ou pinazas ou faluchos (xeito)
Para aprender máis sobre as artes de pesca preme na seguinte ligazón:
As familias mariñeiras distribuían os roles segundo a idade e o sexo. Os pais e os fillos a partir dos oito anos ocupábanse de saír a pescar, as mulleres coidaban da casa, criaban aos fillos, vendían o peixe, traballaban na salga, confeccionaban e arranxaban as redes e, por último, os máis vellos, os que gozaban do merecido descanso cando o seu corpo xa non aguantaba máis, acumulaban a sabedoría e axudaban a reparar as redes.
Traballaban duro as persoas que posuían casas neste barrio de San Roque. Unhas casas humildes, austeras, lugar de descanso, pero tamén preparadas para ser un taller de confección e reparación de redes.
As mulleres non paraban de traballar na casa e fóra da casa, un traballo non recoñecido nun contexto de patriarcado, pero imprescindible para o funcionamento dunha familia.
Imos pararnos agora noutro uso do solo no barrio: lavar e secar a roupa
“O "río dos Gafos" tivo unha especial significación para os habitantes dos arrabaldes da Moureira: as mulleres acercábanse ás súas beiras, dende tempo inmemorial, para lava-la roupa. Da súa importancia dános unha idea o feito de que entre a serie de mitos populares referentes ó nacemento dos arrabaldes sobreviva un relacionado coas lavandeiras.
A comezos de século a maioría das casas da cidade non contaba con auga corrente (a primeira que dispuxo dela é o Palacete dos Mendoza no 1897), xa que a traída de augas foi un dos problemas que máis tardou en solucionarse na cidade, ó igual cá rede de sumidoiros, cuxo plano xeral non se executa o seu plano xeral ata 1922. A necesidade de roupa nas casas obriga a lavala nos lavadoiros públicos; son moi concorridos en Pontevedra, ademais do dos Gafos, o da Tablada, ambos no curso do río Tomeza, xa que estaba prohibido lavar ó longo de todo o curso do Lérez.
Posteriormente xorden outros con maiores comodidades, incluso con luz eléctrica. A eses lavadoiros ían as mulleres de clase artesá e as lavandeiras que recollían e lavaban roupa da burguesía acomodada da cidade; polo xeral os luns as lavandeiras percorrían as casas para as que traballaban e recollían en grandes cestos a roupa sucia, e con eles na cabeza dirixíanse ó río, onde comezaba o proceso de lavado.”
Supoño que te chamaría a atención a referencia que se fai á existencia de lendas relacionadas coas lavandeiras.
Vas ler agora a información desta web sobre o proceso de lavado da roupa
Nesta ligazón podes aprender agora como se produce a lixivia a partires da cinza
Nesta outra ligazón podes ollar o estado actual do lavadoiro cuberto do Peilán.
Outro uso de interese é a presenza dun edificio que foi tintorería. Na seguinte ligazón poderás comprender a importancia deste oficio nun tempo onde a roupa debía durar e onde era preciso tintar os mesmos tecidos para darlles outro uso ou almidonar prendas:
Na actualidade, o barrio ten un uso residencial dominante e apenas se percibe ese pasado tan rico en actividade.